A decisión foi difícil. Noites sen durmir, enfrontamentos para escoller, horas de café e té, pero … finalmente OS PREMIADOS do concurso literario MAR DE PALABRAS do Mes do Libro e do Mes das Letra FORON:
PARABÉNS A TOD@S!!!!
Falta Ronald Ccama na foto que chegou tarde ao evento!
O venres 4 de maio o IES de Porto do Son foi unha festa. Pechabamos a MARUXÍA CULTURAL e inaugurabamos a SALA PERSEVEIRA, en palabras de Quico Cadaval, «unha fábrica de soños», «unha factoría de ilusión».
Hai dous anos, Fernando de Castro, profesor do departamento de plástica, pensou en transformar o corredor que levaba ao ascensor da planta baixa do noso centro nun teatro. Destrás había un soño, mais tamén un proxecto pedagóxico: a perseverancia como medio de obter un obxectivo. E este xogo de palabras -perseverar e persebe- foise transformando en exemplo de formación, en exemplo de vida para os alumnos de 4º D: Noelia Rego, Noelia Díaz, Martín Maneiro, Martín Maneiro, Martín Laranga, David, Sara, Bea, Laura Queiruga, Laura Castro e Jorge. Un profesor e un pequeno grupo de alumnos que, no camiño, aprenderían leccións de amizade, de superación, de traballo en equipo, de respecto, de esforzo. Xuntos, coa axuda dalgún profe -en especial Alfonso Pérez- e doutros alumnos de plástica, crearon para nós este teatro.
Fermoso. Feito de retallos e obxectos xa esquecidos que foron cobrando de novo vida e que haberán de ser testemuñas de concertos, contadas, cine…, que volverán ilusionar. Que evocan un pasado e invitan a proxectos futuros.
Un LUXO este departamento de plástica. Detrás hai moitas horas de traballo -non sempre suficientemente valorado e recoñecido-, moita confianza nas posibilidades do ensino público -non sempre valorado e recoñecido-. Máis alá do desánimo, sempre hai quen se transforma en exemplo a seguir, que renova en nós a esperanza no noso labor, a educación, que mostra camiños e pon en valor a necesidade de respectar os pequenos grupos de atención á diversidade.
A inauguración, como non, estivo á altura. Un grupo de alumnos de bacharelato enchaeron o escenario e o centro coa súa música de Henry Mancini, Fernando falounos dos traballos, dos bos e malos momentos, e despois, emocionados, vimos en vídeo o proceso e escoitamos as palabras dos alumnos e alumnas que, da man deste profesor, medraron como persoas. De fondo, a banda sonora de Ennio Morricone para Cinema Paradiso. Faltou unha voz, a de Pati Bazarra, que se puxo enferma para a estrea. Temos a súa voz en vídeo, pero esperaremos para disfrutar con ela en directo.
Tanto esforzo merecía un peche de excepción. Un cernano Quico Cadaval -xa Ánxela Doval nos lembrou o seu bo facer ao presentalo- fíxonos ver na Sala Perseveira un cinema, un plató, un escenario. E fíxonos pensar e sobre todo rir, rir mesmo a cachón.
Agora quedan os proxectos que han de encher de vida este espazo. Dende a biblioteca, comezaremos botando man del os días 22 e 23 de maio para as contadas aos nenos de infantil dos coles que colaboran con nós nas guías de lectura e que Ánxela Doval está a preparar cun grupo de alumnos.
O arco da vella saudounos enmarcando o San Lois mentres Rut, David e eu esperabamos o autobús do instituto. O 19 de abril saïamos pola mañá cedo cara a Santiago, coa mellor compaña, a dos mozos e mozas do club de lectura: Rocío, Daniel, Sandra, Claudia, Estrella, Angel, Alba, Nerea e Pablo.
A chuvia miudiña foinos levando ata o Pazo Fonseca, que recibe o seu nome do que fora arcebispo de Compostela, a comezos do século XVI, Alonso de Fonseca III, quen impulsou neste lugar a creación dun estudos superiores no Reino de Galicia, o Colexio Novo ou Colexio de Santiago Alfeo, que sucedía ao Colexio Vello, fundado por Lope Gómez de Marzoa. A mirada de David advertiunos sobre un fermoso cadro, o que forma o encaixe en pedra do claustro renacentista feito collage inesperado coas torres da catedral. Uns minutiños a contemplalo. Sentado no seu pedestal, observábanos tamén pensativo o arcebispo que fora defensor dos dereitos do Reino de Galicia no reinado de Carlos I.
E, de cadro en cadro e volvemos mirar porque nos toca: Ilustramundos. A casiña tiña premio, os guías: Irene García e X. A. Neira Cruz que nos transmitiron con entusiasmo faíscas das ilustracións e os obxectos artísticos. Cubríanos un teito de excepción, o Salón Artesonado, onde estivera instalado o primero Parlamento Autonómico de Galicia, tras a ditadura. Mais esa solemnidade da madeira traballada acubillando anceios de liberdade foi ficando atrás atraídos por un sol radiante, de Carme Solé, que iluminaba a sala. Baixo esta luz, Antonio Seijas, unha das figuras máis relvantes da animación galega invitándonos a facer segundas lecturas; as liñas en cuadrículas infinitas recollendo a complexidade da mente e as viaxes que imos gardando na maleta e nos libros da vida da polaca Joanna DomansKa; David Pintor, coma un «Ulises moderno» colléndonos da man nas súas cidades; en vermellos, rosas e azuis, somos guiados, coma nenos, a ritmo de TAANGO! pola arxentina Mónica Weiss, mentres saboreamos aínda o sabor a chocolate que que puidera quedar no papel de prata que se transformou en corpo dunha fermosa equilibrista con aires orientais; a realidade e a imaxinería africana nas ilustracións de Piet Grober; nunha aparente inocencia na imaxe, con pousos de Miró, o publicista e ilustrador suízo afincado en Galicia, Marc Tager, déixanos ver na «mirada do neno no adulto»; nas ilustracións da lituana Kristina Sabaite a cotidianeidade das pequenas cousas dos nenos toma protagonismo e é compartida cos animais; as cores da paisaxe vasca pousan na versión en acuarela que ofrece Elena Odriozola da Celestina, como pousan no seu marco os paxariños que permanentemente acompañan a Calisto e Melibea; pontes entre a ilustración e a arte moderna na obra do brasileiro Fernando Vilela; Machiel Braaksma, dos Países Baixos, pertencente á minoría frisona, impáctanos coas identidades ocultas dos obxectos:
Ao deixar a exposición, hai uns ollos, e unha historia, a do cadro Palestina de Carme Solé, que inevitablemente nos perseguen:
A volta ao claustro camiño da Biblioteca América, vainos levando das imaxes aos libros. Co obxectivo de dar a coñecer a cultura e a historia americana, o compostelán Gumersindo Busto decidiu en 1904 crear en Santiago unha biblioteca americanista. Inaugurada finalmente en 1926, nutriuse de donacións que hoxe nos permiten coñecer a realidade duns países, principalmente de América do Sur, que vivían unha etapa de despegue económico e cultural tras ter acadado a independencia, nalgúns casos, como o de Arxentina, un século atrás. Máis alá da importancia do seus fondos -aproximadamente uns 30000 volumes de todas as áreas- e os obxectos – bandeiras, mapas, bustos de políticos e intelectuais, …- que son memoria dunha historia afastada mais ao tempo tan cercana, a biblioteca é un espazo fermoso, de andeis de madeira e teitos adornados que invitan, aos amantes dos libros, a disfrutar o momento. E no centro, unha xoia que a nosa guía Rosi abriu con luvas brancas: o Libro de Horas de Fernando I de León, datado en torno al 1055 e considerado o libro máis antigo de Compostela.
Do recollemento da sala de investigadores do Pazo Fonseca, seguimos a guía cara a outra das fermosas bibliotecas da Universidade: a da Facultade de Xeografía e Historia. Para os profes, viñan á mente horas de estudo e amizades; os ollos dos alumnos reflexaban a impresión que o espazo lles causaba. Dende a terraza do edificio disfrutamos dunhas vistas pouco comúns: 380º sobre a cidade. Facendo unha breve parada no Paraninfo que deu mesmo para «xogar a ser rectores e membros destacados» nesta sala nobre, despedímonos da guía e, baixamos por Mazarelos cara a zona nova.
Na libraría Komic agardábanos Xose, con quen charlamos dún dos xéneros que nos apaixona, paixón na que el ten moito que ver, como bo libreiro que é. Escoitamos, folleamos; houbo mesmo quen aproveitou para comezar a lectura dun cómic que o chamaba a berros dende os andeis, de aí que non puidera evitalo.
A primeira hora da tarde, despois dun descansiño para xantar, rematamos cunha visita guiada á Biblioteca Pública Ánxel Casal: un luxo de biblioteca, un luxo de oportunidades. Admirarnos coma nenos na zona de infantil, ollar impresionados as ben dotadas salas de estudo e lectura, disfrutar vendo como os usuarios escoitaban música ou vían os vídeos, desexar estar -de novo, ou nun futuro próximo- estudando en Santiago para aproveitar as posibilidades deste magnífico espazo de cultura.
De volta ao bus, David levounos ao pasado, á fogueira dos libros queimados no 36, os libros da Editorial Nós situada no actual nº 15 da Rúa do Vilar. Unha fogueira para matar un soño. Un soño asasinado coa morte de Anxel Casal.
Na materia de inglés, os alumnos de 3º de ESO andan tamén a voltas co mar. Da nosa compañeira Carmen Caamaño, chégannos estes traballos de Francisco Carleos Mayán e Clara M. Ponce Romero:
FISHING
I am from Portosin, one of the most important fishing ports in the Galician coast. In my town a lot of little and big boats and ships go with nets and other fishing arts.
The boats here go fishing in the same day, in the morning the port is with a lot of activity because all the people that work. There are buying and cleaning nets and fish. In other ports like Coruña, the ships go to for away and are away from the sailors´ house about 4 or 6 months, and they make their life in the interior of the ship.
FISHING´S ARTS
POTS: In one net in the interior of them, are fish, that smell so the other fishes: shrimps, octopus, etc, go away into the net.
TRACE: This instrument drags himself along the sand in the bottom of the sea and catches cockles and clams, and other fish and bivalve that are buried.
NET: This art makes a circle in the sea, that encloses fish and when all the net is out of the ship the sailors pull it to the boat dragging the fishing in.
FISHING ROD: This art is like a sport, it has one bait on the hook, and when the fish smell it and bite them, the sailor catches. When all the fish are in the reel, he catches the and saves them.
Life of a fisherman
My uncle was a fisherman. He went fishing on the Galician coast. But everyday he couldn´t go to the sea to catch fish. During rainy season, it´s very risky to get into the sea.
He didn´t have any other way to earn money. He woke up very early at 5:00 am. He had short lunch break. He was arrived to home at 11 pm. The life of the fishermans is a hard life. They work much and very hard. There are many fishing techniques.
He was out of his house a long time. He didn´t have a fishing vessel. I would say that fishing is an art. Fishing was everything for my uncle. He died fishing.
Xa sabedes que levamos todo o ano a voltas co mar: lecturas, charlas, traballos de investigación, saídas… Mais estes días vindeiros serán intensos, HABERÁ MARUXÍA CULTURAL!
O programa é intenso. Como antes fixera Valentín Paz Andrade, o homenaxeado no Día das Letras deste ano, queremos poñer en valor O MAR. O mar dos esforzos, dos traballos, dos soños, da palabra…
Luns 23:
Charla “O mar e a industria” por Xan Carmona ás 16,30 h., para 2º Bacharelato no Salón de Actos.
Kitesurf para 1º de Bacharelato nas aulas de Educación Física.
Pola tarde, proxección da película “Mar libre”, para 4º de ESO na Biblioteca.
Martes 24:
Visita, durante a mañá, ao Centro de Salvamento Marítimo do Enxa para 4º de ESO B, C, D e o Ciclo con profesores de Educación Física e Tecnoloxía.
Mércores 25:
Mesa redonda con representantes dos ámbitos da acuicultura, o cultivo en bateas, a confraría e unha empresa de deportes áuticos, para o alumnado de Economía, de 11,20 A 12,10 h. no Salón de Actos.
Vela lixeira durante toda a mañá para 1º de ESO
Xoves 26:
Charla “Os naufraxios” por Mariño del Río, de 13,20 a 14,10 h. para 4º de ESO no Salón de Actos.
Actividade sobre remo no polideportivo (de 10,30 a 12,10, para 2º ESO B e C e de 12,30 a 14,10, para 2º ESO A e D).
Visita á exposición “O cómic galego e universal” organizada pola biblioteca do centro na Casa de Cultura do Concello de 10,10 a 11,20 h., para 1º ESO A e B.
Venres 27:
Visita á exposición “O cómic galego e universal” organizada pola biblioteca do centro na Casa de Cultura do Concello de 10,10 a 11,20 h., para 1º ESO C e D.
Achegamento ao submarinismo para 4º ESO no Salón de Actos de 11,20 a 12,10 h.
Actuación dun coro de mariñeiros para 3º ESO de 13,30 a 14,10 h. no Salón de Actos.
Xoves 3:
Mesa redonda con xente do mar para 1º ESO de 11,20 a 12,10 h., no Salón de Actos
Kaiak de mar de 10,00 a 14,10, para o Ciclo e 3º ESO.
Venres 4:
Inauguración da Sala Perseveira coa actuación de Quico Cadaval, de 12,30 a 14,10 h., para 1º Bach.
Do luns 23 de abril a venres 4 de maio:
Proxección de curtas e documentais realizadas polos alumnos durante os recreos na entrada do centro.
Traballo nas áreas de lingua cos documentais: “A seca”, para 1º ESO e “A despensa salgada”, para 2º ESO.
Exposicións: “Léxico mariño” e “Deportes náuticos”
Xogos na praia para 1º ESO en horario de Educación Física
Recollida dos traballos dos alumnos presentandos ao concurso de narrativa, poesía e ilustración en torno ao mar: Ronseis do mar na palabra.
Finalmente inauguramos a exposición o luns á tardiña. Acompañáronnos algúns compañeiros, alumnos e pais. Sentímonos satisfeitos da implicación mostrada polo alcalde, Luís Oujo, e pola concelleira de Cultura, Asunción Torres, a cal garante unha relación entre Concello e os centros educativos, que, sen dúbida, conlevára froitos que han de redundar na mellora do noso labor.
Dende o 16 ata o 30 de abril, celebraremos xuntos o Mes do Libro arredor dos heroes dos cómics! Lembrámosvos que a exposición pode visitarse de luns a venres de 9:00 a 13:00 e de 18:00 a 20:00 hrs. e os sábados e dominos a partir das 18:00 hrs.
Dentro das actividades de promoción da lectura no Mes do Libro organizamos a exposición A historia do cómic galego e universal, que se inaugurará o luns 16 de abril ás 19:00 hrs. na Casa da Cultura do Concello de Porto do Son e que poderá ser visitada ata o 30 de maio.
Mostramos os traballos realizados polo alumnado de 3º de ESO de Lingua Galega e Educación Plástica e Visual durante o curso 2009-2010 -que actualmente cursa 1º de bacharelato-, así como unha exposición sobre a Banda Deseñada Galega cedida por El Patito Editorial. Naquel momento, conscientes do descoñecemento deste xénero e das súas posibilidades pedagóxicas, o equipo decidiu afondar neste eido para o cal realizou unha importante adquisición de fondos, que os interesados na visita poderán coñecer.
Este foi un dos primeiros traballos coordinados dende a biblioteca do instituto centrados no que está a ser o principal obxectivo da mesma: a interdisciplinariedade como criterio pedagóxico.
A iniciativa pretende manifestar a necesitade de entender a educación como un proceso global que atinxe non só toda a comunidade educativa -profesorado, alumnado, pais e nais- senón tamén á sociedade en xeral.
Enviaremos aos centros da zona unha guía didáctica coa que poder afondar na información de xeito dinámico.
Os mozos e mozas de 2ºESO B leron neste segundo trimestre Kafka e a boneca viaxeira, editada por Galaxia. Irene Fajardo achéganos a súa reseña da obra:
«Novela de narrativa xuvenil que nos presenta o escritor catalán Jordi Sierra i Fabra. Con este libro gañou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no ano 2007. A obra transmítenos un mundo de aventuras e viaxes polo mundo, visto a través das cartas dunha boneca. Na actualidade está a ser representada pola compañía teatral Emedous.
O famoso escritor Franz Kafka, protagonista desta historia, nun paseo por un parque de Berlín, encontra unha nena chorando. A el non lle gustaban os nenos, pero decide ir falar con ela. A nena perdera a súa boneca. Entón Kafka díxolle que non estaba perdida, senón de viaxe, e que el era un carteiro de bonecas. Así, encargaríase de darlle as cartas que a súa boneca Bríxida lle mandase dende os lugares polos que viaxase. Kafka foi durante tres semanas todos os días ao parque á mesma hora para darlle as cartas. Estas explicaban as viaxes e o que a boneca facía, e nelas víase reflectida a traxectoria da vida, a independencia, as viaxes polo mundo…
O escritor estaba enfermo de tuberculose e non podía ter unha vida plena. Na miña opinión, Kafka amosa nas cartas de Bríxida o que lle gustaría que fose a súa propia historia, casando coa moza á que amaba, Dora, e, tamén, achegándose aos nenos. Co feito de escribir as cartas a unha nena desesperada, demostraba que podía vencer o medo que os cativos lle impoñían.
A novela de Sierra i Fabra relata, con moito amor, o último tramo da vida de Kafka e a súa experiencia cunha nena descoñecida á que tenta consolar.
Recomendo a lectura deste libro por ser entretido e afondar na vida dun escritor tan interesante.»
Entre as actividades que acompañaron a lectura da obra, os alumnos tiñan que converterse en Bríxida, a boneca viaxeira, e escribir unha carta dende algún lugar do mundo que lles resultase interesante. Con eles viaxamos de novo. Entre elas escollo estas dúas cartas. Rebeca Santos lévanos a México e Damián Santamaría a Lisboa:
«Querida Elsi:
Agora mesmo estou en México. Bótote moito de menos. Estou visitando a catedral da cidade; é preciosa e neste intre está chea de xente.
Temos un bo tempo, pero para min que vai demasiada calor e o sol non hai quen o aguangte. Onte fun ás praias de Cancún tomar o sol e bañarme. Ten uns areais marabillosos. Coñecín un rapaz mexicano e levoume pola selva, onde vimos moitos animais. Foi unha viaxe moi pracenteira.
As pirámides maias son impresionantes. O primeiro día que as fun ver había moitos visitantes e alí volvín atoparme co rapaz. É gracioso, simpático e divertido. Estouno pasando xenial.
O lugar e fermoso e a cidade moi grande. En xeral os mexicanos son amables, aínda que non coñezo a demasiada xente. Se estiveses aquí había de pasalo tan ben coma min. Por certo, a comida está riquísima!
Encantaríame estar agora contigo. Bótovos de menos a todos. Elsi, deséxoche que o pases moi ben. Mañá escribireiche outra carta. Bicos!»
E agora… Lisboa:
«Ola Elsi, agora encóntrome en Portugal. Como pasa o tempo! Aínda penso que foi onte cando me fun, pero xa van alá dúas semanas, para ti supoño que moi longas.
Estou concretamente en Lisboa, despois dunha longa viaxe percorrendo a costa lucense. Na capital portuquesa hai xente moi amábel, moi natural. Aquí encóntrome cómoda.
Na chamada en tempos romanos »Olisipo», estou aloxada no hotel Santa Fátima. É un hotel de superluxo no que só durmo, pois polo día vou descubrir as marabillas desta cidade monumental: fun á Torre de Belén, do século XVI, situada xunto ao río Texo; tamén ao Mosteiro dos Xerónimos, característico pola exuberancia «manuelina», cun belo claustro de inicios do XVI, declarado patrimonio da humanidade en 1983; á Praza do Comercio, testemuña da renovación urbana pombalina, posterior ao terremoto de 1755, e a moitísimos lugares máis. Recoméndoche que lle digas á túa que te leve a esta belísima cidade para que o pases tan ben coma min.
Quero que sigas tendo ilusión coma o primeiro día. Eu, sempre que poida, seguireiche escribindo cartas.»
Con motivo do 20 aniversario do pasamento do poeta Antón Avilés de Taramancos, a Concellería de Cultura do Concello de Noia programa para o vindeiro venres, 23 de marzo, unha homenaxe ao autor. Realizarase un «café literario» sobre os seus poemas e encontro poético con Ana Romaní, Eva Veiga, Mª Xosé Canitrot e Yolanda Castaño.
O acto terá lugar na Casa da Cultura ás 8:30.
Interesante, sen dúbida, para un venres pola noite: agasallarse con poesía.
O día 8 de marzo, recordando o Día da Muller, levouse a cabo no Salón de Actos do IES de Porto do Son un pequeno acto conmemorativo no que dúas alumnas de 2º de bacharelato e outra do Ciclo formativo leron distintos artigos da Declaración dos dereitos da mullere da cidadáque Olimpia de Gouges(1748 – 1793) redactou en 1791, na que reclama para a muller os mesmos dereitos que a Declaración dos Dereitos do home e do Cidadán recoñecía exclusivamente para o home en 1789, sinalando ademais que «a ignorancia, o esquecemento e o desprezo dos dereitos da muller son as únicas causas dos males públicos e da corrupción dos gobernos» . «A muller nace libre e permanece igual ó home en dereitos. As distincións sociais só poden estar fundadas na utilidade común» (artigo primeiro).
A lectura deste e outros textos foron arroupados pola actuación duns membros do claustro de profesores que interpretaron distintos temas de jazz e bossa nova: Misty,Fly me to de moon, Poor butterfly e Desafinado, clásicos que puxeron a nota de cor ás reivindicacións que fixeron as mulleres loitadoras francesas e que abriron o camiño ata hoxe.
«Muller, desperta; o rebato da razón faise oír en todo o universo; recoñece os teus dereitos. O potente imperio da natureza deixou de estar rodeado de prexuízos, fanatismo, superstición e mentiras. A antorcha da verdade disipou todas as nubes da necidade e a usurpación» (Epílogo)