Certame de Poesía Visual Letras Galegas 2010

Posted by tikeles - 15/04/10 at 05:04 p.m.

O Equipo da Biblioteca, o Departamento de Lingua Galega e o Clube da Lingua do IES de Porto do Son convocan o Certame de Poesía Visual Letras Galegas 2010, un concurso que procura achegarvos a poesía de Uxío Novoneyra, o autor homenaxeado neste ano, a todo o alumnado do instituto. Convidámosvos a recrear os poemas e a traxectoria vital do Poeta do Courel por medio da elaboración de caligramas e colaxes nos que experimentedes coa forza das palabras, o son dos versos, as emocións das cores e as formas máis imaxinativas. Pero, de que estamos falando?

Un caligrama é un poema escrito de tal xeito
que o texto fai un debuxo que, polo xeral, garda
relación co contido dos versos.

A colaxe poética é unha composición formada
por versos e palabras de diversos textos que
poden ir acompañadas de debuxos e imaxes.

Para coñecer máis polo miúdo estas técnicas creativas e inspirarvos nas composicións máis suxerentes botádelle unha ollada á seguinte presentación:

Escolma de caligramas e colaxes IES de Porto do Son

View more presentations from Román Landín.

Aínda que sempre podedes acudir á Biblioteca do centro ou á rede para mergullarvos na poesía e a vida de Uxío Novoneyra, neste blogue tamén contades coa seguinte selección de textos do autor:

Estas son as bases do certame:

1. Pode participar o alumnado da ESO, Bacharelato ou do ciclo formativo.
2. Cada alumno/a participará cun caligrama ou unha colaxe -con texto- orixinal, inédita e en galego aínda que pode presentar máis dun traballo. Valorarase a orixinalidade, o contido, a expresión correcta e unha
presentación coidada.
3. As obras non irán asinadas, identificaranse cun pseudónimo e entregaranse en sobre pechado. No seu interior, nun papel dobrado, anotarase nome e apelidos e grupo ao que pertence. O sobre depositarase nunha caixa disposta na Conserxería para tal fin.
4. A temática será a obra e a figura de Uxío Novoneyra, que poderá ser recreada a partir da antoloxía traballada na aula ou de calquera outro material.
5. Os traballos non superarán as dimensións dun folio DIN A4. Poderán presentarse manuscritos ou a ordenador.
6. A presentación de orixinais terá como data límite o 18 de maio.
7. A participación neste concurso implica o consentimento do/a autor/a para a divulgación da obra presentada nas páxinas do centro.
8. O xurado estará integrado por cinco persoas, alumnos/as e profesores/as e a resolución darase a coñecer o 25 de maio.
9. Haberá dous premios (camisolas, USB, CDs e libros) en cada categorías:

  • Categoría A: 1º, 2º e 3º da ESO; e
  • Categoría B: 4º ESO, Ciclo e Bacharelato.

10. Os premios poderán ser declarados desertos. A participación nesta convocatoria implica a aceptación de todas e cada unha das normas contidas nas presentes bases.

2 ResponsesCertame de Poesía Visual Letras Galegas 2010 to “”

  1. Versos de Novoneyra says:
    Setembro 2nd, 2010 at 12:38 a.m.

    […] que o prazo para entregar os traballos no Certame de Poesía Visual Letras Galegas 2010 remata o vindeiro martes 18. Ademais das escolmas poéticas traballadas nas aulas, os versos e as […]

  2. BLOG DA BIBLIOTECA » Arquivo do blogue » Caligramas e poesía visual says:
    Setembro 6th, 2010 at 7:33 p.m.

    […] polo mes de maio, nas aulas de galego andabamos ás voltas cunha proposta: un certame de poesía visual. Era un xeito de achegármonos á figura e á obra de Uxío Novoneyra e, de paso, abrir unha […]