Seteccento e O pintor do sombreiro de malvas

Posted by tikeles - 24/11/10 at 11:11 a.m.

O venres 26 de novembro Marcos  Calveiro charlará con nós sobre dúas das obras que os alumnos de bacharelato e 3º de ESO están a traballar.

Pero antes de comentar algo sobre elas, dámosvos a solución ao enigma que vos planteamos en entradas anteriores e que seguro algúns de vós xa teredes deducido. Pois ben, a resposta… sería:

Facendo unha estrela de cinco puntas e colocando unha árbore en cada cruce!

No remate desta entrada animámovos a un NOVO RETO!

O autor de obras como Festina Lente, Sari, soñador de mares ou Rinocerontes e quimeras, entre moitas outras, lévanos desta volta ao Settecento, un século de transición, preñado de luces e sombras como a vida do protagonista, o compositor Antonio Lucio Vivaldi. Asistimos aos momentos de gloria e ao final da vida do músico, mentres  nos adentramos nunha cidade, Venecia e nunha época. Toda unha “fraga” vital: Vivaldi, o seu fámulo e aprendiz da vida, a virtuosa Caterina, un “príncipe mulato” amigo incondicional, a compañeira e voz das súas óperas Anna Giró, a paciente e temperada Paolina, o xove Casanova mullereiro e interesado, o avogado e escritor Tortoni, o mafioso Dándolo… e Leo, o león alado da Serenísima Venencia, “facho e vixía”, fitándonos dende a súa atalaia. Todos eles conforman a realidade e a ficción dunha mascarada. Como a vida mesma.

O desexo, a amizade, a traición, a superación, a loita, a renuncia… artellados en catro movementos dunha peza musical-espacial: allegro veneciano, adagio compostelán, presto veneciano e finale vienés. Unha melodía dun Stradivarius que nos guiará pola Venecia de 1739, á Compostela de 1765 e, tras pasar polo París de Luís XV, á Viena de 1741,  no peto unha pequena gubia de carpinteiro, un feixe de guedellas louras, unhas partituras e un inacabado libreto de ópera”.

Calveiro abre unha fiestra ao pasado ao tempo que invita a mirar cara adiante para non transformarnos en “donas de sal”.

En O pintor do sombreiro de malvas, Premio Lazarillo 2009, un mozo é enviado, no verán de 1890,  a Auvers á casa da súa tía, pois a nai pretende afastalo das malas compañas de París. Angustiado, pois non sente nada en común cos mozos da vila nin coa súa beata e incomprensiva tía, só pensa en regresar a París. Porén, acabará vivindo “sesenta e nove días”, “unha fuxidía eternidade” que o encamiñarán cara á madurez e a un novo proxecto vital, marcado pola súa relación cun pintor que chegou a Auvers na procura da “composición axeitada, do exacto e inspirador instante en que a luzada revelase o ton de cor máis extraordinario”: Vincent Van Gohg.

Convertido en guía do pintor, aprenderá a ver a beleza, o pasadío da vida, a importancia das cores na noite, a orde divina fronte ao caos da natureza… Marcos Calveiro vai debuxando o personaxe dun Vincent clarividente e inconprendido, marcado pola procura da luz. Ambos optan por fuxir das sombras, dos corvos negros da vida.  Atrás van ficando os afectos e o descubrimento do amor e o desamor.

Unha obra perfecta para achegarnos á vida e á evolución do pintor e comprender unha das figuras que máis transformaron a arte.  As ilustracións de  Ramón Trigo, recreacións as creacións do seu período máis frutífero, a etapa de Auvers.

Podedes seguir ao autor no seu blog Alfaias.

E O NOVO ENIGMA MATEMÁTICO É…

Dous pais e dous fillos de caza marcharon.

Cada un, un coello cazaron.

Con tres coellos voltan contentos e rápidos.

Como é posible?


Os comentarios están pechados.