2011, o ano de Lois Pereiro, o poeta punk

Posted by tikeles - 08/01/11 at 07:01 p.m.

Deseño de Séchu Sende

Deseño de Séchu Sende (Made in Galiza)

Comezou o Ano de Lois Pereiro, poeta monfortino ao que a Academia da Lingua Galega decidiu dedicarlle o Día das Letras Galegas 2011 co obxectivo de valorar e reivindicar unha figura que conecta a poesía galega cos movementos da cultura europea dos 80 e a contracultura. Segundo o presidente da institución, Xosé Luis Méndez Ferrín, a figura de Pereiro é distinta ao perfil habitual dos homenaxeados no Día das Letras e posúe un carácter simbólico especial para a institución. “Nas letras galegas”, asegurou Ferrín, “constitúe unha liña de intensidade vital e de formas contemporáneas”.

Lois Pereiro (Monforte, 1958 – A Coruña, 1996) iniciouse na literatura nunha revista experimental, Loia, aos dezasete anos. Naquela publicación o seu nome apareceu ligado a un grupo de mozos e mozas universitarios galegos como como Antón Patiño, Menchu Lamas, Manuel Rivas, o seu irmán Xosé Manuel Pereiro, Fermín Bouza ou Vicente Araguas, que editaban esta revista no Madrid dos anos 70. Máis tarde, formou parte do Grupo de Amor e Desamor, un colectivo que editou a mediados dos 80 na Coruña dous libros homónimos. O seu primeiro poemario non veu a luz até 1991, Poemas 1981/1991, ao que seguiu en 1994 Poesía última de amor e enfermidade. A súa obra tamén se pode atopar en antoloxías como Después de la modernidad (1987) e en revistas culturais daquela altura. Tras a súa morte publicouse Poemas para unha Loia, unha escolma da súa poesía de xuventude que tamén inclúe o ensaio Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia. Tamén postumamente apareceu unha novela inconclusa co título Náufragos do paradiso (revista Luzes de Galiza).

Cun famoso acróstico da súa autoría e coa versión musical do poema “Narcisismo” que fixeron os míticos Radio Océano, pionerios do rock galego nos oitenta,  damos comezo ao Ano Lois Pereiro no noso instituto.

En Praza das Letras podedes coñecer máis polo miúdo a súa vida e a súa obra.

Román

One Response2011, o ano de Lois Pereiro, o poeta punk to “”

  1. Tweets that mention BLOG DA BIBLIOTECA » Arquivo do blogue » 2011, o ano de Lois Pereiro, o poeta punk -- Topsy.com says:
    Xaneiro 9th, 2011 at 11:56 a.m.

    […] This post was mentioned on Twitter by Manuel Bragado. Manuel Bragado said: 2011, o ano de Lois Pereiro no Blog Etikeles, http://etikeles.blogaliza.org/2011/01/08/2011-o-ano-de-lois-pereiro-o-poeta-punk/ […]