8 de marzo: Día da Muller Traballadora

Posted by tikeles - 11/03/13 at 10:03 p.m.

Un ano máis, segue a ser necesaria, obrigada, a reflexión sobre o papel da muller na nosa sociedade. Un ano máis, as actividades en
torno ao Día da Muller Traballadora afondan na concienciación dos mozos e mozas.

O malva foi escollido entre as profesoras e alumnas do centro para lembrar a data e o compromiso.



A biblioteca veu sendo estes últimos días lugar de traballo para o alumnado de 3º de ESO, que, coordinado por Carme Mecía, elaborou o mural e a exposición que ambienta os corredores e a entrada do centro: Reflexións sobre as mulleres onte e hoxe. Recompilaron datos sobre a discriminación, a igualdade e a desigualdade, os dereitos cumpridos e non cumpridos, a publicidade, o pensamento… As imaxes dalgunhas daquelas mulleres que loitaron pola igualdade únense para forma un grande cartel, nunha homenaxe compartida.

Silvia e Rosalía, coa súa profesora Teresa, fixeron tamén un cartel para conmemorar o día:

Dúas presentacións elaboradas polas compañeiras do equipo de biblioteca, Ánxela e Marga, As mulleres na historia e As mulleres na astronomía foron atraendo as nosas miradas ao longo das xornadas do xoves e o venres.

Na biblioteca, Aurora Marco, profesora de Didáctica da Lingua e a Literatura Galega na USC, achegou ao alumnado de 4º de ESO a represión sufrida polas mulleres durante o franquismo.  O documental que o seu fillo, Pablo Ces, elaborou a partir das súas investigacións, As silenciadas  –de Mister Misto Films e Premio Mestre Mateo no 2012-, deu pé ao debate. Non é só recuperar a memoria, é facelo dende unha óptica femenina, tantas veces “silenciada”. Podedes atopar o documental na biblioteca ou velo aquí.

       

Na Sala Perseveira as alumnas e alumnos de arte expuxeron as súas presentacións sobre A muller e a arte.

O salón de actos encheouse de música e palabra. Pablo Sax e os nosos compañeiros Isidoro, César e Carlos, acompañados por Yoana, puxeron as notas que acompañaban os textos que leron Lucía Rodríguez, Paula, Uxía e Lucía Rego. Déixovos unha parte deles:

“Non pode faltar hoxe un recordo para todas mulleres que sofren nalgún lugar do noso planeta. E, sobre todo, para as nenas que aínda nacen cada día co seu futuro comprometido polo feito de selo: discriminación, analfabetismo, prohibición, dominación, posesión, explotación, vexación, ablación, matrimonios concertados, prostitución, violación…

2103. Nunca tanto como nestes últimos tempos de retroceso en moitos dereitos que pensabamos xa adquiridos, cómpre renovar ánimos e esforzos para seguir loitando por conseguir que homes e mulleres, mulleres e homes sexamos considerados  persoas, independentemente do noso sexo.

A vós – os mozos e mozas que escoitades- cómprevos poñer en marcha os medios necesarios para levar a cabo a vosa propia loita co obxectivo de contribuír a un mundo mellor. Este será unha das mellores metas á que dirixir os vosos estudos e coñecementos”.

 

 

Os comentarios están pechados.