VI Día da Ciencia en Galego con Xurxo Mariño

Posted by tikeles - 04/11/15 at 11:11 p.m.

Esta mañá celebramos na biblioteca o VI Día da Ciencia en Galego. Con Normalización e o Departamento de Bioloxía sumámonos á actividade que vén organizando a Coordinadora Galega de ENDL. Por que? Porque a ciencia pode falarse en galego. Porque é preciso que a ciencia se fale en galego.

Pendentes da rede, tendo que “refrescar” a conexión de cando en vez…,  puidemos finalmente escoitar a videoconferencia que impartiu Xurxo Mariño Alfonso, biólogo e Doutor en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela (1998), profesor do Departamento de Medicina da Universidade da Coruña.

Ciencia 2

O noso alumnado de 1º de Bacharelato uniuse así a máis de 100 centros de Galicia e participou coas súas cuestións a través do twiter.

Mapa

Agradounos ver e escoitar a Román Cerqueiro como voz da Coordinadora. A el e ao equipo de persoas que traballa na defensa da lingua, agradecemos os esforzos para que poidamos contar con actividades coma esta.

Ciencia Román

Iria, a profesora de bioloxía, pasounos a seguinte sinopse:

“Os seres humanos temos conciencia de nós mesmos debido ó funcionamento do noso cerebro. Somos quen,  ademais,  de transmitir eses pensamentos mediante a linguaxe, imprescindible á súa vez para o desenvolvemento do cerebro. O que é máis, o número de idiomas aprendidos inflúen nas capacidades cognitivas e nas conexións neuronais. De aí a importancia da diversidade lingüística no planeta.”

E… por que nos movemos?; por que percibimos?; todos vemos igual as cores ou escoitamos do mesmo xeito os sons?; por que cremos sentir que determinados feitos xa os vivimos con antelación?; por que os anciáns teñen maior capacidade para lembrar o que fica afastado no tempo?; por que…

…entón non defender a ciencia en galego? 

Os comentarios están pechados.