Concurso literario de ciencia ficción: “Os límites do meu mundo?”

Posted by tikeles - 13/04/16 at 10:04 a.m.

Wittgenstein, filósofo austríaco, afimaba: “os límites da miña linguaxe son os límites do meu mundo”. Na exposición da biblioteca convidamos a reflexionar sobre esta afimación. Mais… non podemos nós CREAR MUNDOS? É xusto o que propoñemos con este concurso literario.

A ciencia e ficción é o tema interdisciplinar deste curso, ao tempo que conmemoramos o 20 aniversario do centro. Semella un bo momento para mirar ao pasado e construír o futuro.

Sabemos que a literatura ten sido espello de ambicións e inquedanzas. A ciencia  e a tecnoloxía abren a porta ao imposible. Modifican a nosa realidade, producindo en nós, ao tempo, esperanza e temor.

Na ciencia ficción os autores especulan sobre como sería o noso mundo se se producisen determinados fenómenos naturais, descubertas científicas, adiantos técnicos ou movementos sociais. Lembramos a Xulio Verne, H.G.Wells, George Orwell, Aldous Huxley, Isaac Assimov…

Propoñémosvos CREAR microrrelatos ou poemas a partir de temas como os seguintes:

  1. A viaxe no tempo, cara ao futuro ou ao pasado.
  2. A intelixencia artificial: ata onde pode o home chegar coa enxeñería xenética?;  a robótica permitirá dotar de emocións as súas creacións?; será posible a convivencia entre humanos e androides?…
  3. A conquista do espazo: esgotarase a vida na terra?; a evolución do clima, a xestión dos recursos naturais, fará que esta sexa a nosa única esperanza?;  poderemos reducir o tempo de desprazamento no espazo?; existen outros planetas habitados?; a adaptación a novos planetas e realidades modificará a nosa anatomía?; partindo das nosas experiencias en séculos anteriores, como debemos afrontar unha posible colonización?…
  4. Os extraterrestres: estamos sós no universo?; comunícanse con nós? ; debemos ofrecerlles probas da nosa existencia?; estamos preparados para asumir que non somos a única especie intelixente do universo?…

BASES

  • Os textos deben presentarse en galego.
  • Sección:
    • Microrrelatos cun número aproximado de 100 palabras.
    • Poemas.
  • Cada persoa só poderá enviar un texto para cada sección.
  • A temática debe centrarse na ciencia ficción.
  • Os textos deben ser orixinais.
  • Publicaranse no blog da biblioteca os gañadores e unha selección dos presentados.
  • O xurado resérvase o dereito de deixar deserta algún dos premios se os textos carecesen de calidade.
  • O prazo límite para enviar os textos será o 31 de maio 2016. 
  • Forma de entrega:
    • O alumnado do centro entregará en consexería o/os seu/s texto/s asinado/s cun pseudónimo nun sobre pechado no que incluirá, noutro máis pequeno, os seus datos identificativos (nome e apelidos e pseudónimo correspondente, título do microrrelato, idade, nivel e categoría, grupo).
    • Os exalumnos poderán entregalo/s no centro ou enviar dous correos á seguinte dirección enlgiesportodoson@gmail.com, seguindo estas indicacións:
      • 1º correo: no asunto debe indicarse “Concurso ciencia ficción” e o texto, asinado cun pseudónimo, incluirase nun adxunto.
      • 2º correo: no asunto debe indicarse “Identificación Concurso ciencia ficción” e no corpo do correo os datos persoais: nome e apelidos, pseudónimo correspondente, título do microrrelato, anos da promoción na que estudou no centro, teléfono, enderezo persoal e enderezo de correo electrónico.
  • O fallo do xurado farase público días antes da celebración do 20 aniversario e os premios entregaranse o día da festa.

CATEGORÍAS

A: 1º e 2º de ESO

B: 3º e 4º de ESO

C: 1º e 2º de BACHARELATO e ciclos

D: Ex-alumnos

PREMIOS POR CATEGORÍAS

Categoría A:

  • 1º premio: vale por 40 euros para material escolar.
  • 2º premio: memoria USB de 32 GB.

Categoría B:

  • 1º premio: vale por 50 euros para material escolar.
  • 2º premio: memoria USB de 32 GB.

Categorías C:

  • 1º premio: disco duro externo.
  • 2º premio: altofalante bluetooth.

Categoría D:

  • 1º premio: tablet.
  • 2º premio: batería externa para móbil.

ORGANIZA: IES DE PORTO DO SON

COLABORAN: ABANCA, ANPA do IES de Porto do Son

Aquí dámosche algúns consellos para escribir microrrelatos!

E aquí podes ler algúns poemas e microrrelatos relacionados coa ciencia e a ficción.

Os comentarios están pechados.