Manuel María, profesional da palabra pero sen soldada

Posted by tikeles - 13/05/16 at 07:05 p.m.

Este é o título da charla á que asistimos esta mañá na Biblioteca Municipal do IES de Porto do Son e que impartiu a pedagoga, profesora e escritora Concha Blanco. Explicounos o que supuxo e supón o Día das Letras Galegas e falounos con entusiasmo de Manuel María. Da súa vida; dos silencios que a represión sobre o uso da lingua galega provocou nel -e dos berros de denuncia-;  do que lle tería gustado estudar no canto das leis; da súa obra; da época difícil que lle tocou vivir…  e dos recoñecementos que recibiu e está a recibir.

Concha Blanco 1

Leu para nós o seu:

Carné de identidade
Eu son Manuel María.
Nacín no 29, o 6 de Outono,
en Outeiro de Rei da Terra Chá.
Son dunha caste rexa de labregos
fieles á súa terra e ao seu Deus.

Agora son un namorado.

Eu son Manuel María,
cantor da Terra Chá que algúns din.
Cantor da terra chá que leva un
clavada nas entrañas, penso eu.

Eu son Manuel María,
labrego con algo de poeta.
Por eso gardo as albas
no fondo dos meus ollos
e ando de vagar o meu camiño,
e pídolles ás cousas a súa tenrura
e aos homes pídolles verdade.

Non teño máis tarefa:
son unha humilde folla que salaia
na noite escura movida polo vento.
Eu son Manuel María,
un son tan só, lonxano e feble.
Documentos personaes (1958)

De verso en verso, de anécdota en anécdota… fomos indo da súa man ata o un colofón poético que veu envolto nunha caixiña de música que seica veu de Bolonia!

Quedámonos con dúas recomendacións de lecturas que sumar nestes días ás do poeta de Outeiro de Rei: O tempo vital de Manuel María –un estudo de Camilo González Torres- e unha obra da propia Concha Blanco e María Canosa, Será correcto? – unha guía para o día a día para maiores e pequenos que parte da experiencia das aulas-.

PortadaOtempovital

9788494439667

Os comentarios están pechados.