David, Premio Merlín 2016

Posted by tikeles - 05/06/16 at 01:06 p.m.

Alégranos compartir a nova. David, o noso compañeiro e colaborador da biblioteca, quen leva sementando o mirar do noso alumnado a través de SonCine, conformando unha canle que é unha fiestra aberta á que asomarse para saber do centro e de Porto do Son, vén de ser galardoado co Premio Merlín de Literatura Infantil pola súa obra Todo o tempo do mundo.

DSC1958

Como el ben dixo, este recoñecemento é ao tempo un legado; nós sabemos que, ao xeito de Felipe de Amancia na obra de Cunqueiro, ha de seguir sabendo “tecer o pano distas historias, novelo a novelo”, achegándonos coa palabra e a súa cámara a esa “Selva de Esmelle”, non en van, a manta coa que Felipe se cubría na pousada de Merlín en Miranda, cando prendía nel o medo era “unha manta a faixas verdes, que por ambos lados tiña escrito en letras coloradas: DAVID.”(en “A selva de Esmelle” de Merlín e familia e outras historias). Semella cousa do destino.

O xurado deu a coñecer o argumento de Todo o tempo do mundo. Ariadna, a protagonista, é unha rapaza que tras ter que pasar un tempo co seu avó “prende na centenaria árbore familiar dándolle continuidade á estirpe” e, diríamos, prende tamén no rural “reivindicado en cada páxina desta novela, en cada unha das súas liñas, trasladando o lectorado a un mundo que case nos resulta alleo e lonxincuo por non vivilo, por non practicalo, por non recordalo, por non mencionar eses nomes que bautizan cada ferrado de terra do noso país…”; unha lectura das que, seguindo a C.S Lewis, valería a pena ler aos dez e aos cincuenta anos, pois é sabido, aínda que non sempre recoñecido, que “a literatura infantil é aquela que tamén poden ler os nenos”.

Xerais

Onte recollían tamén os seus premios Manuel Esteban, Premio Xerais de Novela pola obra A ira dos mansos, e Iria Misa, Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil por Xa non estou aquí. Leticia Costas, que vén de recibir o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, leu o discurso “Todas as constelacións do mundo”. (Imaxe do Faro de Vigo).

Onte o telexornal serán da TVG daba conta do acto de entrega na illa San Simón e hoxe a prensa recolle a noticia.

Caderno da crítica transmítenos a emotividade desta xornada que celebra a palabra.

Ao Merlín acáelle a terra de Avilés de Taramancos, Carredano, Agustín Agra e, nesta ocasión, David. Algo terán as augas do Traba… que regan boas sementes.

PARABÉNS!!! Á espera de que se publiquen para poder lelas!

Os comentarios están pechados.