Leonardo: a representación gráfica das súas ideas

Posted by tikeles - 17/01/17 at 09:01 a.m.

Onte pola mañá, no marco do programa “A Ponte entre o Ensino Medio e a USC”, o profesor Franscisco Javier López González, do Departamento de Enxeñaría Forestal da Escola Politécnica Superior  do Campus Universitario de Lugo, impartiu para o alumnado de 4º de ESO e o alumnado de tecnoloxía e Debuxo Técnico de Bacharelato a charla: Leonardo, a representación gráfica das súas ideas.

Este humanista do Renacemento (1452-1519), no sentido máis estricto da palabra, pois el mesmo simboliza, xunto con Miguel Anxo, o Humanismo como saber plural, como o saber que representa realmente o ser humano, foi presentado ante o alumnado como “o verdadeiro precursor do sentido moderno do debuxo técnico e o deseño”. Efectivamente, o Leonardo anatomista, arquitecto, escritor, enxeñeiro militar, botánico, PINTOR… adiantouse ao seu tempo e, se ben a tecnoloxía da época non foi quen de reproducir os seus inventos, moitos destes serían avances tecnolóxicos séculos despois ( o automóbil, o helicóptero, o tanque, o traxe de submarinismo, a bicicleta, etc.).

Francisco Javier López levounos a recoñecer, a partir de Leonardo, a importancia que a representación gráfica das ideas tivo e está a ter para a historia da humanidade, forma de comunicación que está na base de moitos dos estudos superiores que o noso alumnado pode chegar a cursar e que son a base de avances tecnolóxicos e económicos para a sociedade.

dav

Deixa unha resposta