Chris Hedges & Joe Sacco: Días de destrucción, días de revuelta (Barcelona, Planeta Cómic, 2016)

Posted by tikeles - 25/01/17 at 12:01 p.m.

No ano 2010, o xornalista Chris Hedges, gañador dun premio Pulitzer e o historietista Joe Sacco emprenderon unha viaxe de reportaxe e investigación sobre os diversos territorios estadounidenses marxinados e economicamente subdesenvolvidos tras a súa enorme explotación en aras da obtención de beneficios económicos masivos. O resultado foi o libro Días de destrucción, días de revuelta, traducido por Planeta Cómic o pasado ano 2016.

A súa intención era mostrar, mediante texto, ilustracións e mesmo formato novela gráfica-cómic, como é a vida alí onde as regras do mercado campan ás súas anchas; alí onde os seres humanos e o medio ambiente son usados, e logo refugados, con tal de maximizarse as ganancias económicas polo Stablishment.
Nesa viaxe, Hedges e Sacco non só describen as paisaxes da miseria. Tamén entrevistan os cidadáns que sofren as consecuencias da explotación de todo tipo, ata convertérense en marxinados sen posibilidades de quebrar o círculo de miseria que habitan.

Catro son os lugares que recorren Sacco e Hegdes: a reserva india de Pine Ridge, Dakota do Sur, que enlaza cunha reflexión sobre o xenocidio dos nativos americanos, a expulsión das súas terras e a esquilmación dos recursos naturais dos seus territorios dende o XIX ata a actualidade.

O segundo lugar escollido foi Camden, New Jersey.

Camden foi unha das cidades afectadas pola deslocalización das empresas, que marcharon de alí a finais dos noventa do século XX en procura de man de obra máis barata noutros países. Agora é un lugar dominado polo paro, a delicuencia, e a absoluta escasez de oportunidades.

Os autores diríxense despois as minas de carbón de Welch, en Virxinia Occidental, un lugar explotado inmisericordemente á costa de poñer en perigo, coma oficialmente está recoñecido polas autoridades, a saúde humana e medioambiental da zona. A derradeira parada da viaxe son os campos de cultivo de Immokalee, en Florida, onde os inmigrantes ilegais están sometidos a condicións laborais de escravitude.
A obra, con todo, remata cun quinto capítulo, titulado Días de Revolta, onde se traslada ao lector á narración do estoupido social que supuxo a aparición do movemento de protesta Occupy Wall Street, en 2011, onde se puña de relevo a necesidade de denunciar a desigualdade provocada polo capitalismo masivo e a reivindicación de que por enriba de todo, antes das ganancias puras e brutas do capital, deben estar as persoas, os cidadáns.

Un libro de ineludible lectura que axuda a entender de xeito crítico e reflexivo os porqués da vitoria de Donald Trump nas últimas eleccións de novembro e o seu recente nomeamento o pasado 20 de xaneiro coma o 45 presidente dos EEUU.

Os comentarios están pechados.