Encontro do club de lectura con Susana Sánchez Arins

Posted by tikeles - 08/03/17 at 01:03 a.m.

O luns, coa caloriña do sol despois dun Entroido de chuvia, recibimos a Susana
Sánchez Arins na biblioteca. O club de lectura d@s maiores, reuníase para falar con ela sobre Seique, obra que motivara a cita; mais, ao demorarse esta polos trasnos que enredan os tempos, decidíramos ir lendo tamén o seu poemario Aquiltadas. Fiabamos temas e dábamos pé á conmemoración do Día da Muller do 8 de marzo. E disfrutámolas.

A Susana xa a fomos coñecendo hai un par de semanas cando entramos a curiosear nos seus blogs Dedos como vermes e Aquiltadas, bitácoras que nos din dela, das “elas” que hai na autora. Por aí fomos sabendo da súa lectura da vida. Ía debullando para nós estes dous libros, enriquecéndoos. Convidámosvos a que fagades o mesmo!

Seique, que é Seique?… unha novela, prosa poética, un retallo de vivencias, de silencios que é necesario escoitar…? A voz das mulleres que sufriran e calaran a dor do fascismo, e que, coma un coro grego, se ergue, tráxico, na obra, como unha ladaíña.

Cando onte falabamos con ela, acompañad@s dun cafeciño na biblio, lembraba estas palabras de Blanco-Amor en Xente ao lonxe:

Tales verbas, digo eu, quedaríanse acochadas no fondo do ser até que chegara o intre, tarde ou cedo, en que cada unha delas se acomodase no seu xusto oco (…)”.

Si. Palabras como liberdade, xustiza, memoria, muller, paseadores, sufridoras e sufridoras…, quizais, pasado un tempo, han de ir atopando o seu “xusto oco” nos mozos e mozas que leron a obra e que, despois do xantar, compartían impresións con Susana. Tamén a lingua, nesa escolla que nos leva á irmandade co portugués e que tende pontes de futuro. E as referencias ao cine, non tan próximas a eles, pero que abren a curiosidade ao transformárense en metaliteratura audiovisual, nun diálogo enriquecedor.

De Seique fomos a Aquiltadas, e de Aquiltadas Seique. Un bo cobertor de “pontos naturantes, historiados, fabuleriros, laboriados, costurosos, afamadeiros, escondentes, sufridosos”, un pachwork que pasa de man en man a agulla da historia do cotiá, unha historia de mulleres mantida coa voz forte dos silencios, e dos contos, e das cantigas.

Para mañá, 8 de marzo, acae este poema, de “ponto escondente”:

o clam da cicatriz
levo as marcas de todas as idades

a linha da cuitela nos pulsos
a cova cesárea da que nasceu a vida
o golpe cardeal                a machucadura
leite fervido correndo dos peitos
escarificações rituais raspando os sonhos
um dedo trilhado
pele de laranja injectada em anestesia
lostregaços de injúrias nas contras fechadas
cotelos em carne viva                      chão esfregado
geonlhos denegridos de agatunhar árvores
jugular trespassada por sanguinhosos caninos
a surpresa infibulada                       a episiotomia
enruga passada a ferro
que apaga a marca da idade

mas sou costureira / e cirzo
cicatrizo as bocas de todas as feridas
pesponteio cada corte num virginal bordado

e é nessas tatuagens
que reside a resistência.

Grazas a Susana por este tempo partillado entre risos, café e poemas. Agasalladas. Fican para ler A noiva e o navío e [de]construçom, por algo somos un club de lectura dunha biblioteca, e sabemos dos…

“seus lombos de livros

suas letras de títulos”

Os comentarios están pechados.