Recollendo o premio do V Concurso Escolar de Poesía Rosalía de Castro

Posted by tikeles - 10/06/17 at 09:06 a.m.

Onte á tardiña, a Casa da Matanza lucía fermosa, acariñada polo sol de xuño. Ata alí achegámonos para acompañar a Valeria Baleirón,  alumna de 2ESO do IES de Porto do Son, para recoller o premio ao 2° accésit no V Concurso Escolar de Poesía Rosalía de Castro,  na categoría de  Primeiro Ciclo da ESO: unha tarxeta regalo polo valor de 100 euros.  Fixo a entrega Pati Blanco, director de comunicación do Corte Inglés, patrocinador do certame. O xurado salientou o diálogo entre a pintura e a arte no texto da autora. Valeria recitou, serena, o seu poema “Só silencio”, unha interpretación do cadro de Maruxa Mallo, “Antro de fósiles”; e escoitámola con orgullo. Xunto con outros 14 alumnos que presentaron os seus poemas ao concurso, achegábanse mediante a palabra á pintora viveirense, no marco das actividades que, dende a biblioteca e o equipo de normalización, se levaron a cabo ao longo do curso para sacar esta artista “das augas da invisibilidade“.

Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, puxo o ramo ao acto, salientando que, se hai 180 anos con Rosalía nacía un soño para a lingua e a literatura galegas, aquela esperanza  estaba  presente alí representada “polos mozos e mozas” que recollían os galardóns.
Viñemos felices de ver entre estes mozos e mozas alumnos do IES de Pobra do Caramiñal e do Aquis Celenis, centros cos que vimos mantendo unha estreita colaboración arredor da lingua e a lectura! PARABÉNS!!!!

O 15 de xullo farase a presentación do libro.
Esta semana o xornal La Voz de Galicia facía eco do éxito de Valeria Baleirón no V Concurso Escolar de Poesía Rosalía de Castro.

Os comentarios están pechados.