Nas X Xornadas dos Clubs de Lectura

Posted by tikeles - 19/06/17 at 07:06 p.m.

Un ano máis, dende Bibliotecas Escolares, ofrecéroonnos a posibilidade de asistir á Xornada dos clubs de lectura, desta volta, un encontro especial, no que celebramos o X aniversario desta iniciativa que mudou o panorama lector nos centros escolares. Aí estivemos, cun grupo de alumnos e alumnas que representaban os nosos clubs. Houbo que erguerse moi cedo, pero pagou a pena. Tres alumnas escaparon da foto, pero aí estabamos o sábado ás 9 da mañá:

O Palacio de Congresos lucía fermoso para recibirnos, e Pista Catro, acolleunos cunha performance que nos levaría de libro en libro, de viaxe en viaxe, de aventura en aventura, de amor en amor… Vaia, coma nos libros…

Logo veu a recepción “seria”, pois iamos entregar o Premio dos Clubs de Lectura a Miguelanxo Prado. Todos podiamos ver, das imaxes das nosas lecturas, as sereas de De Profundis, os golfiños de Fragmentos dunha enciclopedia délfica, un Trazo de xiz camiño dun faro, as baleas e peixiños de cores de Ardalén, mesmo sentir esa vento que nos leva á memoria… Miguelanxo estivo hai tempo no noso centro; o cómic é para nós unha das descubertas máis entusiamantes dende que estamos nesta rede de lectura. Estabamos pois, tamén, de parabéns!

Óscar López, director e presentador do programa Página dos, programa de referencia no mundo dos libros na 2 de TVE, creou en directo un programa piloto para nós, axudado por un grupo de alumnos e alumnas. Con el fomos pensando o formato, as seccións, o título, os espazos de rodaxe, os tempos de produción, a melodía… e, axudado do cámara desta Xornada, os planos e a iluminación. Ata realizaron dúas entrevi stas en directo, unha a Ledicia Costas e outra a Violeta Moon, unha booktuber de éxito no mundo dos libros!

Logo, mentres os profes tiñamos charlas para nós, o noso alumnado puido participar en encontros con autores, obradoiros de rap, radio, dobraxe, cómic manga, regueifas, narración cinematográfica, narración de contos de medo… Un programa ben completiño.

Despois dun xantar acalorado, quedamos cos mozos e mozas dos IES Aquis Celenis, Ribeira do Louro e San Mamede. Viñemos con boas recomendacións para o curso que vén! Eles tamén levan as nosas!

Xa xuntos na sala Santiago, César Mallorquí fixo un particular “Eloxio da mala literatura”.

O peche foi de excepción: Xavier Díaz e as Adufeiras do Salitre foron quen de erguernos a todos para bailar pasobres, xotas… Petamos a rede cos chíos!!!

 

Os comentarios están pechados.