Todo o tempo do mundo, á sombra

Posted by tikeles - 20/06/17 at 07:06 p.m.

Despois de ter traballado Todo o tempo do mundo, mergullándonos nas voces descoñecidas da novela coas que elaboraron un glosario, o alumnado de 3º ESO C, tivo un encontro co director, con David. Por que? Pois porque tendo no centro o galardoado co Premio Merlín 2016, non ían rematar o curso sen saber da súa outra cara, a do escritor. Buscamos acubillo á sombra, nun día de calor abafante. E alí, sentados a carón da herba, semellaba que “todo o tempo do mundo” podería ser noso.

Foron preguntando… Por que comezaches a escribir? En que te inspiras cando o fas? Por que escribiches Todo o tempo do mundo? En que lugar te baseaches para escribir esta novela? Hai algún personaxe que quererías ter tratado con máis profundidade? A historia de Adriana, pasou de  verdade? A parte en que van talar o bosque, aconteceu na realidade? Como acabaría o conto se a rapaza non tivese que marchar? A lenda da muller loira da fonte, inventáchela? …

E así pasou a hora. Foi bonito. Mais…, non tiñamos “todo o tempo do mundo”.

Os comentarios están pechados.