Os dicionarios, na Semana da Alfabetización en Medios e Información

Posted by tikeles - 26/10/17 at 06:10 p.m.

Dende Bibliotecas Escolares convidaron ás bibliotecas da Rede PLAMBE a celebrar dende o 24 de outubro ao 1 de novembro o Día Internacional da Alfabetización en Medios e Información, a AMI, a proposta da UNESCO. O equipo de biblioteca sabe da necesidade de formar o alumnado nestes ámbitos, conscientes do momento de transformación que estamos a vivir no proceso de aprendizaxe, non só nas aulas, senón tamén fóra delas.

Hai uns anos elaboramos Con brillo de cometa. Da materia de Proxecto Interdisciplinar, pasamos a ALFIN como hora de libre configuración. As necesidades ían levándonos ao traballo por proxectos, á aprendizaxe colaborativa. Creamos na aula virtual unha sección de Ferramentas comúns de aprendizaxe (como elaborar esquemas, como presentar traballos, como realizar exposcións orais…). No curso pasado, estudamos e programamos unha nova forma de encarar este ámbito, a través dun Plan TIC e un Tratamento Integrado de Linguas con vocación interdisciplinar: facer ver ao profesorado e ao alumnado que a alfabetización na investigación e no tratamento da información non atinxe só ao equipo de biblioteca. Complementa a materia de ITI en 2º de ESO, centrada na alfabetización audiovisual. Acabamos de botalo a andar, de plantar a semente. Non parece que vaia mal.

E seguimos elaborando materiais para atallar as nosas necesidades. Aproveitando os coñecementos en lexicografía de Carme Pazos, profesora do departamento de Lingua que vén de integrarse no equipo, mesturamos a súa visión e a nosa e realizamos un novo recurso para as Ferramentas comúns de aprendizaxe: OS DICIONARIOS.

Que aportan os dicionarios? Como podo guiarme neles para atopar a información? Que tipos de dicionarios hai na nosa biblioteca e na rede?

A nós serannos de utilidade, agardamos que a vós tamén!

Os dicionarios from IES Porto do Son

Os comentarios están pechados.