Archive for the ‘Samaín’ Categoría

Velada de Medo no Mosteiro de Carboeiro

29th Outubro 2010 by tikeles Non hai comentarios

O Clube de Lectura comeza o seu segundo curso de vida con novos proxectos, ánimos renovados e novos membros… xa pasamos de 20 alumnos e alumnas!!! No mes de novembro manteremos as primeiras reunións na biblioteca: non esquezades que os luns, cada dúas semanas, quedamos a xantar no instituto antes de falar de libros.

Pero a primeira cita do curso non vai ser unha reunión propiamente dita pois comezamos o curso como rematamos o anterior, de excursión cos amigos e amigas de Cuntis e Caldas de Reis, aos que desta volta se unen os Clubes de Lectura As Portadas, do CPI Domingo Fontán de Portas,  e NA Estrada-525, do IES Manuel García Barros da Estrada.

Seguindo coa temática das historias de medo e intriga, os nosos contos e as historias de Celso Fernández Sanmartin resoarán entre as paredes do Mosteiro do Carboeiro nunha velada que ameaza con desvelar os sonos dos máis valentes.

Para irmos contar historias a Carboeiro ou aos colexios de Porto do Son, como fomos aló polo mes de xuño, é necesario escoitar primeiro a xente que algo sabe disto:

Chuzame! A Facebook A Twitter

CURTAS DE TERROR NA BIBLIOTECA!

28th Outubro 2010 by tikeles Non hai comentarios

 

Imaxes como estas acompañaron as nosas lecturas nas aulas ao longo destes últimos días!

O equipo de biblioteca invítavos agora a DISFRUTAR E TREMER na nosa biblioteca. Nos recreos deste venres non iremos alí a ler, estudar… A biblio pasa a ser unha sala de cine: achegádevos a compartir connosco curtas de medo e continuaremos ambientándos para unha fin de semana que promete ser TERRORiFICAMENTE DIVERTIDA!!

Mergullándonos na rede por aquí e por alá, atopamos propostas atraentes e de calidade, como as que nos ofrece Flocos TV ou as que nos chegan da biblioteca do IES de Monterroso.

Prepárense señores e señoras! Acomódense o mellor posible! A FUNCIÓN VAI COMEZAR!!!!

En castelán emitiranse:  O gato negro, Alma, Vincel Malloy, O retrato oval, O corvo (versión Simpsons)

En inglés: Corazón delator , O pozo e o péndulo.

De Flocos TV, curtas en galego: Auga, O ataque dos Kriters asasinos , The Werepig.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Vai de… meeddoooo!

21st Outubro 2010 by tikeles Non hai comentarios

O medo, o terror, o máis alá… Defuntos, o Samaín… tradicións pagás e relixiosas que se mesturan!  Máis alá de datas, supersticións ou crenzas, este foi e é un dos grandes temas da literatura e do cine. Así pois, un bo motivo para ir creando ambiente e, ao tempo, coñecer o imprescindible.

Pero isto non só queda nunha exposición máis ou menos terrrooorriiifiicaaa. O medo vai ás aulas da man de Edgar Allan Poe, Lovecraft, Washinton Irving, H.G. Wells, Robert L. Stevenson,  Oscar Wilde, Agustín Fernández Paz, Anxel Fole, Ferrín ou Horacio Quiroga.

Este é o plan:  lemos, lembramos, creamos, concursamos co creado, resolvemos enigmas e, o venres 30, nos recreos CURTAS DE TERROR NA BIBLIOTECA!

 

E isto non é todo!

Máis alá da mostra de libros de misterio e terror que podedes atopar no corredor, o subxénero do relato trabállase nas aulas de lingua a un ritmo demoníaco e febril para alimentar as máis perversas e reviradas plumas literarias e, o que é aínda máis pavoroso, hai quen acode ao encontro dos libros escuros para saciar a súa sede lectora.

Se queredes ler máis relatos de terror, a Biblioteca Virtual da Asociación de Tradutores Galegos ofrece unha boa mostra de textos da literatura universal en galego.

De Edgar Allan Poe, podemos ler «O bocoi de amontillado» e «O enterro prematuro», relatos traducidos por Servando Doval, así como «Leonora» e «Tres domingos nunha semana», vertidos ao galego por Maite Lorenzo e Marifé Vega Alba, respectivamente.

Bivir inclúe tamén varios textos de Washintong Irving, como «A experiencia do estudante alemán», «A lenda de Sleepy Hollow» e «Rip van Winkle», textos traducidos por José Álvarez Vázquez. Pola súa banda, Paulo R. Ballesteros trae para o galego os «Contos da Alhambra» e Xoan Abeleira «O viaxeiro astral», de Jack London. Por último, non podía faltar algunha mostra da narrativa da creadora de Frankenstein, Mary Shelley, da que podemos ler no noso idioma «Contos do morto inmortal» e «Roger Dodsworth. O inglés reanimado», contos que traduciu Ana Vidal Castiñeira.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Vai de medo!

12th Outubro 2010 by tikeles Non hai comentarios

Chega o Día dos Defuntos, e con el a noite na que os mortos regresan ao mundo dos vivos segundo a tradición do Samaín, unha vella festa pagán prerromana que entre nós se conserva acendendo lume en cabazas ou calacús, cocendo castañas con anís para as ánimas do purgatorio e outros espectros e alimentando candeas que flotan en cuncas de auga e aceite.

Por iso, o Clube da Lingua e a Biblioteca do IES de Porto do Son convócanvos a compartir as vosas máis inquedantes, misterioras e terroríficas historias no “Certame de Relatos de Medo”.

As bases que rexerán o concurso son as seguintes:

1. A temática xirará arredor de historias de misterio e terror que garden relación co mundo dos mortos, con sucesos inexplicables, sinistros e macabros protagonizados por seres do máis alá que esperten no lector a sensación de medo.

2. A extensión mínima dos traballos será dunha páxina e a extensión máxima de catro páxinas. Poderan ser textos mecanografados ou manuscritos.

3. Os relatos serán orixinais e inéditos e redactaranse en lingua galega.

4. Haberá tres categorías con cadanseus dous premios. Os premios poderán ser declarados desertos.

  • 1º ciclo da ESO.
  • 2º ciclo da ESO e PCPI.
  • Bacharelato e Ciclo.

5. A presentación de orixinais na Biblioteca rematará o venres 5 de novembro. Os traballos que se reciban despois deste día non entrarán no concurso.

6. O xurado estará integrado por cinco persoas, profesores/as e alumnos/as doo Clube da Lingua e a Biblioteca. A resolución do xurado darase a coñecer o venres 12 de novembro.

7. A  participación neste concurso implica o consentimento do/a autor/a para a divulgación da obra presentada nas páxinas web da Biblioteca e do Clube da Lingua se se considera oportuno.

8. A participación nesta convocatoria implica a aceptación de todas e cada unha das normas contidas nas presentes bases.

Imaxe do cartaz tomada de heathenpride-aladecuervo.blogspot.com

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp